martes, 13 de enero de 2009

CONVOCATORIA: MARCHA DAS CANDEAS

Queridos compañeiros/as:

Como sabedes, estanse a desenvolver en todo o país infinidade de actos en apoio ao pobo palestino e, máis en concreto, contra a terrible invasión e o brutal ataque que leva a cabo Israel sobre a franxa de Gaza.

Tamén nós tiñamos previsto realizar o venres día 16, en A Coruña, un acto de repulsa contra a invasión de Gaza. Despois da reunión que se celebrou en Santiago, o mércores día 7, dende Viraventos, decidimos apoiar e sumarnos a todas as iniciativas conxuntas que se levaron e levarán a cabo, tanto o sábado día 10, como a grande manifiestación nacional en Santiago de Compostela o domingo día 18 de xaneiro. Non obstante, pola présa coa que se desenvolveron os acordos, vémonos na imposibilidade de desconvocar a "Marcha das Candeas" pois, xa estaba feita a cartelería e finalizada a organización coa inestimable axuda das comunidades de inmigrantes, tanto da nosa cidade coma das localidades veciñas. É por esto que nos vemos na obriga moral de manter a nosa convocatoria.

En Viraventos non temos ningún afán de protagonismo, pois cremos que o único obxectivo é a situación de Gaza e, por este motivo, é polo que queremos que, tanto as ONGs e asociacións que traballades dentro e fóra dos territorios ocupados, os que traballan en inmigración e cooperación internacional, organizacións e particulares que defendedes os dereitos humanos e civís, vos sumedes a nós e que camiñemos todos xuntos para chamar a atención sobre unha crise humanitaria, que todos os que temos conciencia social non debemos permitir.

Traer as vosas pancartas, o nome das vosas organizacións, convocade connosco pois, agora, non somos asociacións independentes senón unha soa voz. A voz dos que non poden ser escoitados.

Reunirémonos o próximo venres día 16, ás 20:00 horas, no Obelisco de A Coruña. Dende aí, ás 20:30 horas, iniciaremos unha marcha, na que todos levaremos candeas a través da rúa Real para finalizar nunha concentración na Praza de María Pita, onde leremos un manifesto.

Grazas por acompañarnos neste acto solidario.
¡Agora todos somos palestinos!


Malena Andrade
ONGD Viraventos

DIA: VERNES 16 DE XANEIRO DE 2009
HORA: 20:00 horas
LUGAR: OBELISCO DE A CORUÑA



No hay comentarios: